Wednesday 15 de May de 2024

O Goberno local retoma as licitacións paralizadas polo Covid e pon en marcha as novas contratacións


 

Segundo o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, trátase de continuar cos procesos de contratación da Administración local xa abertos e iniciar as novas tramitacións, coa intención de dinamizar o tecido social e produtivo da cidade para minimizar o impacto da crise

O Goberno local anunciou hoxe na Xunta de
Voceiros a súa decisión de levantar a suspensión dos prazos administrativos de
contratación que se paralizaron logo de se declarar o estado de alarma pola crise
sanitaria do Covid-19. Deste xeito, comezará de novo a aprobación de expedientes
de contratación, a apertura de novos procesos de licitación e a continuación dos
trámites dos procedementos de adxudicación que quedaran suspendidos ao
comezo do estado de alarma.

Segundo o voceiro do Goberno Local, José Manuel Lage, que informou o resto de
voceiras/os desta decisión na primeira das xuntanzas semanais extraordinarias,
trátase de continuar os procesos de contratación da Administración local xa abertos
e iniciar as novas tramitacións, coa intención de dinamizar o tecido social e
produtivo da cidade para minimizar o impacto da crise.

Lage sinalou que, nos vindeiros días, comezarán as notificacións e, no seu caso
formalizacións, dos procesos que xa estaban sendo tramitados, e tamén se
realizarán as mesas de contratación de forma telemática.

Neste caso, as mesas de contratación poderán desenvolver as súas reunións tanto
de maneira presencial como de non presencial, esta última a través de medios
electrónicos que garantan a identidade das/dos membros da mesa asistentes, o
contido das súas manifestacións, a interactividade e a intercomunicación entre as e
os ditos membros da mesa en tempo real, así como a dispoñibilidade dos medios
durante a sesión.

Segundo Lage: “Aprobamos o levantamento da suspensión dos prazos dos
procedementos de contratación, ao entender que a licitación de moitas actuacións e
servizos é indispensable para o funcionamento básico da Administración municipal e
ao ser unha prioridade absoluta deste executivo contribuír a paliar as consecuencias
económicas da crise sanitaria”.